Wednesday 08 de May de 2024

Medio Ambiente insta aos veciños de Visma a que se adscriban ao convenio de limpeza de fincas da Xunta


 

A concelleira Esther Fontán reuniuse onte á tarde cos donos dos terreos para buscar unha solución preventiva na zona ao ser os que teñen maior risco en caso de incendio

A concelleira de Medio Ambiente, Esther Fontán, reuniuse cos veciños de San Pedro de Visma para tratar de buscar unha solución na prevención de incendios forestais nesta parroquia, priorizada como de alto risco de incendios pola Xunta, igual que algúns terreos situados en Nostián, Bens, O Portiño e os que colindan coa costa do monte de San Pedro.

A edil e técnicos da Xunta e do Concello explicáronlles aos residentes que a Xunta establece esta política de prevención, pero que lle corresponde ao Goberno local adoptar medidas preventivas nas parcelas de titularidade municipal e ordenar a execución de obras para conservar e manter o solo nas faixas secundarias de xestión da biomasa.

A proposta que se lle fai á veciñanza é que se adscriban ao convenio de colaboración asinado entre a Xunta, o Fegamp (Federación Galega de Municipios e Provincias) e Seaga, destinado á xestión da biomasa nas faixas secundarias. Este programa prioriza as zonas de alto risco de incendios como as citadas ao estar azoutadas polo vento do Nordés, de forma que cada hectárea que se desbroce lle sairá aos donos das fincas por 350 euros anuais –preto de 18 euros o ferrado- e inclúe a retirada da maleza e das especies arbóreas prohibidas (eucaliptos, piñeiros e acacias, basicamente), un prezo que está por debaixo do estipulado no mercado.

Os afectados teñen ata o 31 de xullo para adherirse ao programa. De non limpar as fincas pola súa conta ou acolléndose a este convenio da Xunta, pasarase a unha fase de execución subsidiaria, que iniciará o Concello a partir de principios de agosto, sendo a Xunta a que desbrozará eses terreos subsidiariamente, pero a custo de mercado, pasándoselle aos propietarios e titulares de dereitos de aproveitamento destes terreos as liquidacións correspondentes.

De facer caso omiso á lei autonómica, aprobada en 2007 para a prevención e defensa de incendios forestais, a Xunta procederá a sancionar aos propietarios e titulares de dereitos de aproveitamento con multas que van desde o 1.000 aos
100.000 euros. O convenio ten validez ata 2.022, de forma que os donos de terreos que decidiron limpalos pola súa conta, poderán sumarse ao mesmo nos vindeiros exercicios. Tampouco están na obriga de permanecer os catro anos os adscritos a el.

Na web municipal e na de Medio Ambiente pódese descargar a partir de mañá o modelo de contrato para adherirse. No mesmo apartado da concellaría están xa colgadas todas as referencias catastrais que abarca dito acordo. Ademais, desde a Concellaría habilitarase un servizo de información na súa sede da rúa Pedro Ferrer o martes 23, en horario de 09.00 a 13.00 horas, para os veciños que o necesiten.